
Innovación
A máis elegante sobriedade, na nova roupa de traballo do CGAC
24.08.2006 As pezas, creadas por alumnas da Escola Superior de Moda de Galicia, funden a funcionalidade co deseño e a tradición coa modernidade ·· A vestimenta reforzará a imaxe do centro como espazo de vangarda
MONTSE DOPICO • SANTIAGO
As dez deseñadoras dos novos traxes de traballo do centro de arte posan ante as súas creacións durante o acto celebrado onte FOTO: FERNANDO BLANCOFusión de tradición e modernidade. Equilibrio entre a funcionalidade e o deseño. Mostra da máis sobria elegancia, cunha exquisita minuciosidade nos acabados. Son algunhas das características que definen a roupa de traballo que a partir do mes de setembro lucirán os profesionais de atención ó público do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Os prototipos destas pezas, creados por alumnas da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), foron presentados onte nun concorrido acto celebrado no vestíbulo do CGAC.
"O obxectivo era facer visible o persoal cunha vestimenta adecuada a un edificio e un proxecto baseado na calidade e no deseño, conceptos que debía reflectir a propia roupa. As alumnas do Esdemga foron sen dúbida capaces de captar a elegancia do edificio", explicou o director do centro de arte, Manuel Olveira.
"Son pezas cun carácter exclusivo. A sobriedade elegante e minimalista do CGAC está reflectida nos prototipos. Trátase de roupa elegante e útil, é como unha reinterpretación da roupa de traballo tradicional, dos mandís e as batas", engadiu.
A nova roupa de traballo do CGAC foi deseñada polas alumnas do Esdemga, centro pertencente á Universidade de Vigo, en virtude dun convenio de colaboración e investigación asinado a tal fin. "Tiñamos claro que queriamos traballar coa Universidade, pois temos abertas varias liñas de investigación con esta institución, e esta é unha delas", sinalou Olveira.
A directora do Esdemga, Lola Dopico, comentou, pola súa banda, que "esta é a primeira presentación pública do traballo que se está a desenvolver na escola. Alumnas da primeira promoción traballaron arreo no deseño dos prototipos, que parten do encontro co espazo, co espazo como arquitectura e como función, e a súa relación coa cultura e a arte contemporánea".
Unha destas alumnas, Saray Fernández, aclarou que introducen no deseño algúns elementos do traxe tradicional, un pouco pensando na cultura galega, e tamén nos espazos do CGAC, blancos e diáfanos. Escolleron as cores branca, gris, negra, marrón e azul marino, e como materiais a organza e o algodón. A saia, a camisa,... está todo repensado e levado ó actual, facéndoo contemporáneo".
"Todas as saias levan varios tecidos, e as camisas están pintadas a man. Tratamos de combinar a funcionalidade co deseño. Cremos que esta roupa cumprirá unha función importante na imaxe do CGAC, que inicia unha nova etapa na que Olveira trata de achegar máis o centro ós cidadáns", matizou.
OS DETALLES
Un cóctel con música de piano
Tras a presentación das pezas serviuse un cóctel, a cargo do restaurante Toñi Vicente. A música de piano, interpretada por Javier Varela, contribuíu a imprimirlle ó acto o carácter de elegancia que o distinguiu desde o primeiro momento.
Un traballo colectivo, voluntario e áxil
As alumnas do Esdemga que así o decidiron realizaron unha serie de bosquexos dos que se escolleron os elementos máis axeitados, que se fundiron nun traballo final de colaboración. Os profesores tamén se entregaron neste proxecto .
No comments:
Post a Comment